Sobre a bucina gaña o Cisne ao Atlético Novás (25-24) no Memorial Manuel Luaces

Pontevedra
07 de xaneiro 2017

Sobre o papel tratábase dun adestramento con público no que o Cisne debía impoñerse con relativa claridade, pero na práctica os brancos estiveron a piques de deixar escapar o partido nuns doce minutos finais cheos de desacertos ofensivos, liquidados sobre a bucina cun gol de Xosé Canedo, que deixou a vitoria en casa

Partido entre Cisne e Atlético Novás no Memorial Manuel Luaces
Partido entre Cisne e Atlético Novás no Memorial Manuel Luaces / Diego Torrado

Como cada ano, o Club Cisne aproveitou as datas do Nadal e o parón no competición ligueira para celebrar o Memorial Manuel Luaces. De novo a xornada foi unha festa para o club pontevedrés, que lembraba a unha das súas lendas, nun memorial que alcanza xa o seu vixésimo terceira edición e que nesta ocasión tivo como convidado ao Acanor Atlético Novás, equipo que milita na primeira estatal.

Sobre o papel tratábase dun adestramento con público no que o Cisne debía impoñerse con relativa claridade, pero na práctica os brancos estiveron a piques de deixar escapar o partido nuns doce minutos finais cheos de desacertos ofensivos, liquidados sobre a bucina cun gol de Xosé Canedo, que deixou a vitoria na casa.

O equipo do Rosal saltou á pista moi motivado, suplindo a súa teórica inferioridade cunha maior intensidade en todas as súas accións. Iso permitiulle manterse sempre moi preto dun Cisne que levaba a iniciativa, pero non conseguía despegarse nunca máis de dous goles.

A igualdade ao descanso (11-11) manteríase nos comezos da segunda parte. Atlético Novás, da man do central arxentino López Rey, aproveitábase dos moitos cambios realizados por Jabato, que quixo dar minutos a todos os seus xogadores, poñendo en pista mesmo aos xuvenís Javi Pontanilla, Roque Arias e Daniel López, para dar a volta a un marcador que parecía sentenciado cando o Cisne apertou en defensa e escapouse cunha máxima renda de seis goles (23-17) a falta de trece minutos.

Nese momento os locais entraron nunha fase de desacerto total, encaixando un parcial de 0-7, que poñía no luminoso un sorprendente 23-24. Con pouco máis de dous minutos por diante, o Cisne arranxouno por medio de Xosé Canedo, transformando primeiro un penalti, e aproveitando despois a última posesión, tras unha falta en ataque dos visitantes, para sobre a bucina anotar o 25-24 definitivo.

Antes do partido principal do Memorial, os equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín do Cisne disputaron varios partidos de exhibición, completando como cada ano por estas datas unha bonita xornada de balonmán.

Tras o parón do Nadal, os de Jabato volven á competición ligueira, o vindeiro sábado, ás 20:00 horas, viaxando ata Asturias, para enfrontarse ao actual pechacancelas Gijón Jovellanos, nun partido no que de lograr a vitoria poden volver a postos de play-off, tendo en conta que os dous equipos que lle preceden na táboa, Alcobendas e Torrelavega enfróntanse entre si, na pista madrileña.