Solidez de líder do Arosa para vencer en Bouzas e sufrido triunfo do Ribadumia fronte ao Pontellas

O Salnés
05 de decembro 2020

O conxunto de Vilagarcía impúxose por un claro 0-2 no campo do Rápido de Bouzas e consolídase no primeiro posto, mentres que o Ribadumia pon fin a unha serie de cinco encontros sen gañar

Partido entre Arosa e Atios na Lomba
Partido entre Arosa e Atios na Lomba / Cristina Saiz

O Arosa consolídase no liderado do Grupo B da Terceira División despois do seu claro triunfo este sábado no estadio vigués do Baltasar Pujales, fronte ao Rápido de Bouzas.

Os de Rafa Sáez mostraron a súa solidez e pegada para impoñerse por 0 goles a 2 e sumar o seu terceiro triunfo consecutivo en liga, que lles coloca con 18 puntos mantendo os 2 de vantaxe co Arenteiro pero ampliando a 5 puntos a renda coa cuarta posición.

O conxunto arlequinado saíu disposto a impoñer o seu xogo en Bouzas, e só tardou 23 minutos en adiantarse cun gol de Javi Otero.

Aínda que tentaron reaccionar os locais, xusto antes do descanso Róber facía o segundo do Arosa encarrilando o duelo. Foi un duro golpe para o Rápido, que na segunda metade non conseguiu reducir a súa desvantaxe ante o bo facer defensivo dos de Vilagarcía.

Consulta a acta do Rápido de Bouzas-Arosa.

TRIUNFO DO RIBADUMIA

Importante vitoria a conseguida tamén polo Ribadumia, poñendo fin así a unha mala serie de cinco xornadas sen conseguir gañar.

Os de Luís Carro acabaron con esa estatística non sen sufrimento, cun traballado triunfo fronte ao pechacancelas da competición, o Pontellas, na Senra (1-0).

Tanto lle custou aos aurinegros que despois de 90 minutos de pelexa e intensidade, non foi ata o tempo de desconto cando chegou o gol decisivo, obra de Fran Fandiño.

A vitoria, festexada con rabia na Senra, permite ao Ribadumia escalar posicións e situarse na sexta praza da táboa con 11 puntos.

Consulta a acta do Ribadumia-Pontellas.