Sorteado o calendario de Terceira: O Arosa debuta na casa contra o Arenteiro, o Ribadumia visita ao Ourense CF

Pontevedra
24 de setembro 2020

A Terceira Divisón volverá o 18 de outubro en Galicia dividida en dous grupos, norte e sur, de doce equipos cada un. A primeira fase rematará o 21 de marzo e, en función da súa clasificación, cada equipo pasará a unha segunda fase na que estará en xogo o ascenso directo, o playoff ou a permanencia

Dúas primeiras xornadas do subgrupo 1B da Terceira División
Dúas primeiras xornadas do subgrupo 1B da Terceira División

A sede da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago de Compostela albergou este xoves 24 de outubro o sorteo do calendario da primeira fase da Terceira División do grupo galego que este ano, como consecuencia da extraordinaria situación sanitaria, estará dividido en dous subgrupos. O subgrupo A con equipos da Coruña e Lugo, e o subgrupo B con equipos de Pontevedra e Ourense.

O día 18 de outubro, igual que na Segunda B, botará a rodar o balón nos campos galegos. Os dous equipos da comarca arousá que compiten este ano na Terceira División, Arousa e Ribadumia, debutarán fronte a equipos ourensáns. Os primeiros farano en casa contra o Arenteiro e os segundos a domicilio contra o Ourense CF.

Na seguinte xornada, os vilagarciáns visitarán ao UD Ourense e finalizarán a primeira fase en casa contra o Alondras. Mentres que o Ribadumia estrearase como local na segunda xornada contra o CD Choco e terminará a liga visitando ao Arenteiro. Descarga aquí o calendario completo do subgrupo 1 B da Terceira División.

Esta primeira fase terá un total de 22 xornadas e concluirá o 21 de marzo. Despois os equipos reorganizaranse nunha segunda fase en función da posición na que remataron a primeira fase. Deste xeito, os tres primeiros de cada grupo enfrontaranse nunha nova liguiña aos tres primeiros do outro grupo, arrastrando todos os rexistros de puntos e goles da primeira fase. Ao concluír esta segunda liguiña de seis xornadas, os dous primeiros ascenderán de forma directa á nova Segunda B, que na tempada 2021/2022 pasará a chamarse Segunda RFEF.

Os equipos restantes pasarán a unha terceira fase, na que volverán reunirse cos cuartos, quintos e sextos para unha repesca da que sairá outro ascenso á Segunda RFEF. Consulta nesta ligazón as bases de competición da Terceira División para a tempada 2020/2021.