A Sociedad Deportiva Teucro estará nos próximos días, por fin, ao completo para seguir preparando a súa nova tempada na División de Honra Prata.
A pesar de que o equipo adestrado por Irene Vilaboa leva exercitándose preto dun mes, faltaban por incorporarse dous dos seus xogadores estranxeiros.
O primeiro en aterrar a Pontevedra e en sumarse nos adestramentos foi o brasileiro Cauê Herrera, e agora o club conseguiu desbloquear a chegada de Stefan Manojlovic.
O gardameta serbio, internacional júnior co seu país e que a pasada campaña militou no HC Iskra Bugojno na Primeira División de Bosnia, atópase xa na Boa Vila, tras viaxar este domingo desde Hungría e tras dar negativo na pertinente proba PCR de Covid que se lle realizou antes de embarcar.
A pesar dese resultado negativo, Manojlovic permanecerá agora uns días en corentena antes de que lle sexa realizada unha nova proba de detección de coronavirus. Se o resultado é satisfactorio, será entón cando poida incorporarse ao traballo xunto aos seus novos compañeiros.