Subcampionato galego para a Gimnástica antes do inicio da División de Honra

Pontevedra
25 de abril 2016

O equipo masculino do club pontevedrés pelexou polo triunfo o Lugo pero rematou na segunda posición a poucos días de que dea comezo unha nova tempada na máxima categoría do atletismo nacional

Equipo da Gimnástica no Campionato de Galicia de Clubs
Equipo da Gimnástica no Campionato de Galicia de Clubs

A poucos días de iniciar a súa décima tempada na máxima categoría do atletismo nacional, a División de Honra, o equipo masculino da Gimnástica logrou o subcampionato galego.

Fíxoo en Lugo tras unha dura pugna co Real Club Celta, que se decantou finalmente a favor dos vigueses tras a descualificación do pontevedrés David Veiga nunha das últimas carreiras, os 5 quilómetros marcha.

O Celta concluíu a competición con 135 puntos, por 124 da Gimnástica e 98 do Lucus, que completou o podio masculino.

Os atletas pontevedreses sumaron seis vitorias parciais, as de Víctor Gallego na proba de peso, Francisco Guzmán en disco, José Manuel Vila en xavelina, Darío Costas en salto de altura, Santi Ferrer en pértega e a remuda curta, integrada por Adrián Salgado, Alesandre Solla, David Ferrer e Jon Alonso.

En canto ao equipo feminino da Gimnástica, concluíu na quinta posición con 103 puntos, empatados co Lucus e a tres puntos do podio pero lonxe do gañador, o Celta con 136 puntos.

As mozas non sumaron ningún triunfo parcial e acusaron a lesión de Joselyn Brea, pero si conseguiron cinco segundos postos, os de Rocío Rodríguez en 1.500 metros, Camila Alonso nos 3.000, Paula Martín en lonxitude, Emma Lorenzo en pértega e Mercedes De Santaló en disco.