Sufrida vitoria do Leis para asegurar a súa permanencia en Segunda B

Pontevedra
22 de maio 2017

Os pontevedreses suaron na última xornada de liga para lograr un triunfo que lles vale para seguir un ano máis na división de bronce do fútbol sala nacional

Partido do Leis no Pavillón Municipal dos Deportes Leis Pontevedra FS

Ata o último minuto tivo que suar e sufrir o Leis Pontevedra para certificar a súa permanencia na Segunda División B de fútbol sala.

Un empate condenáballes ao descenso na última xornada de liga, pero lograron impoñerse ao Xove (2-1) no Municipal.

Saíron a por todas en ataque os pontevedreses na busca dun gol que achandase o camiño, pero a boa actuación do porteiro visitante impediuno durante os primeiros minutos. Así, pese ao dominio e as ocasións, chegábase ao descanso sen goles no marcador.

Volveu tentar o Leis ao comezo do segundo acto atopando premio aos 3 minutos da continuación cun gol de Barcala tras xogada de Pablo.

A ansiedade atenazaba aos de Manu Cossío e o Xove aproveitou para gañar terreo e contar con ocasións, resoltas con acerto por Rubén en portería. Foi así ata que no minuto 37 o Xove conseguía o empate.

Faltaban só tres minutos e o Leis necesitaba un gol con urxencia, polos que Cossío apostou polo xogo de cinco. Puido chegar por dúas veces o tanto, pero finalmente fíxoo á terceira cun gol de Miguel que valía moito máis que tres puntos, valía unha permanencia.

Ata o final os locais pararon o ritmo de xogo para que pasasen os segundos e asegurar un resultado que dá valor a unha dura tempada.