Suso Martínez desvincúlase do Arosa "por motivos persoais"

O Salnés
12 de xaneiro 2018

O club vilagarcián anunciou este venres a baixa do futbolista asegurando que se produce de mutuo acordo. Era unha dos fixos nas aliñacións de Jorge Otero e só deixara de xogar en dous encontros esta tempada

Suso, nun partido entre Arosa e Céltiga na Lomba
Suso, nun partido entre Arosa e Céltiga na Lomba / Diego Torrado

Saída inesperada no Arosa, que anunciou a baixa dun dos futbolistas que era fixo ata agora nas aliñacións de Jorge Otero.

Trátase de Suso Martínez, quen rescinde a súa vinculación co club de Vilagarcía de mutuo acordo e por "motivos persoais", informou este venres a entidade arlequinada.

O lateral zurdo só se perdeu ata a data dous encontros na presente liga, nas xornadas 2 e 19, partindo sempre no once inicial e completando os 90 minutos desde a terceira xornada de competición.

Coa súa saída o Arosa valorará agora acudir ao mercado para reforzar a liña defensiva pensando nun segundo tramo de competición no que aspira a recortar os sete puntos de desvantaxe que ten actualmente coa zona de play-off de ascenso, para tentar loitar por estar entre os catro primeiros a final de liga.

Os arlequinados anunciaron a saída de Suso a dous días de enfrontarse na Lomba (domingo, 17:00 horas) ao Negreira.