Suspendidas as actividades deportivas ao aire libre e as extraescolares polo temporal

Pontevedra
03 de febreiro 2017

A medida manterase durante toda a xornada do venres, pero non debería afectar ás ligas deportivas que programaron os seus partidos durante a fin de semana

Aviso no campo da Xunqueira pola suspensión de actividades por mor do temporal Mónica Patxot

O temporal de vento e choiva que azouta Galicia e que aínda se prolongará ao longo da xornada deste venres obrigou a suspender as actividades deportivas ao aire libre no Concello de Pontevedra.

Así o comunicou o servizo municipal Deporte Pontevedra, que suspende as actividades programadas nas instalacións deportivas municipais, isto é, os campos de herba sintética da Xunqueira e o de Monte Porreiro.

Esta medida prolongarase desde as 15:00 horas ata o fin da xornada, polo que non debería afectar o desenvolvemento das ligas deportivas programadas neses campos durante a fin de semana.

Tamén a Comisión Escolar de Alertas da Consellería de Educación acordou as suspensión das actividades extraescolares no exterior dos centros educativos de Galicia a partir das 15:00 horas, sen que iso afecte á actividade docente nin ao transporte escolar.

Por outra banda víronse afectadas as actividades do programa municipal Noites Abertas previstas no exterior durante este venres, como unha xincana deportiva que tiña como punto de partida o colexio Froebel.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora