Os cincocentos alumnos do IES Chan do Monte de Marín non terán clase, polo menos, ata o vindeiro martes. Así o decidiron as autoridades educativas despois de que o forte vento que acompaña ao temporal das últimas horas provocase o desprendemento de toda a cuberta dun dos seus edificios.
Os responsables do centro descubriron, ao chegar á primeira hora da mañá, que a cuberta do edificio máis moderno dos dous que ten o instituto voara totalmente e caera entre os dous inmobles.
No momento dos feitos non había ninguén no instituto, polo que non se produciron danos persoais.
Inicialmente, optouse por valar a zona e impedir o acceso a esta zona do recinto escolar e as clases comezaron con normalidade, ao non estar afectada ningunha aula nin as zonas interiores.
Segundo explicaron a PontevedraViva desde o instituto, a unidade técnica da Consellería de Educación recomendou suspender as clases porque, tras revisar o estado do tellado, advertiron que había elementos que se podían desprender, xerando un grave problema de seguridade para os alumnos e o persoal educativo.
Tras contactar con Educación, optouse por chamar aos autobuses escolares e desaloxar o centro.
As obras de reparación realizaranse ao longo da fin de semana, pero a maquinaria pesada aínda estará no centro o luns, por iso é polo que a dirección do instituto optase por ampliar a suspensión das clases ata o martes, garantido a seguridade da comunidade escolar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.