VÍDEO.- O río Gallo desborda en Cuntis e o asfalto abre en Sanxenxo

Barro
04 de febreiro 2017

As brigadas provinciais realizan un asfaltado de urxencia na rúa Luís Rocafort, en pleno centro urbano de Sanxenxo , ao levantarse o firme por acción da auga. As brigadas de mantemento da Deputación recibiron, desde as 0:00 horas do sñabado, medio cento de chamadas por incidencias

Río Gallo desbordado o seu paso por Cuntis / Concello de Cuntis

As incidencias sucedéronse ao longo das últimas horas en toda a comarca, na maioría de casos pola caída de árbores que dificultaban a circulación nalgunha das estradas da provincia.

As brigadas provinciais da Deputación recibiron, desde as 0:00 horas do sábado, medio cento de chamadas por incidencias varias.

En Cuntis a atención levouna en parte o río Gallo, que pasou de baixar cun caudal escaso ante as poucas choivas rexistradas este inverno para desbordar este sábado en varios puntos do paseo, aínda que sen risco para as rúas e casas do centro urbano. 

Outra incidencia destacada produciuse no centro urbano de Sanxenxo, ao bombearse a calzada na parte central da rúa Luís Rocafort por efecto da auga. O asfalto terminou rebentando, polo que as brigadas provinciais desprazáronse ata alí para realizar un asfaltado provisional de urxencia, colocando un parche de asfalto en frío.

A Policía Local de Sanxenxo delimitou a zona pero permitiu que se seguise circulando ao entender que non existía perigo de afundimento.

Outras das actuacións máis relevantes da xornada de sábado foi a eliminación dunha bolsa de auga de grandes dimensións que impedía o acceso ao polígono industrial de Barro-Meis.

Pola súa banda en Marín, ademais de intervencións por árbores ou incidencias co sumistro eléctrico, seguiuse traballando no pavillón da Raña e viuse afectado o estadio de San Pedro, entre outros.

Ata as 15:00 horas, a petición do 112, as brigadas dependentes da Deputación acudiran a retirar árbores caídas nos siguentes viarios da comarca:

  • Campolameiro EP-8305 Chacente-Morillas-San Isidro
  • A Lama EP-0306 Ponte Verdugo-Cambeses-Barcia
  • Cotobade EP-0412 Parada-Tenorio
  • EP-0407 Borela-Ponte Caldelas
  • Meaño EP-9305 Corón-Ribadumia-Leiro