Cuntis urxe a limpeza do río Gallo para evitar males maiores

Umia
06 de febreiro 2017

O Concello de Cuntis enviou este luns unha carta á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato na que lle solicitan a "limpeza urxente da conca do río Galo, limpeza da súa competencia, antes de que se produzan danos maiores"

Río Gallo
Río Gallo / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis enviou este luns unha carta á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na que lle solicitan a "limpeza urxente da conca do río Gallo, limpeza da súa competencia, antes de que se produzan danos maiores".

Non é a primeira vez na que cursan esta solicitude, pero agora apreman á Consellería ante o estado "lamentable" de abandono que presenta o río e as consecuencias que isto pode carrexar.

Esta fin de semana o río Gallo desbordouse en varios puntos, unha circunstancia que se repite cada vez que chove con intensidade, pero que se ve agravada ante a presenza de maleza e elementos orgánicos na canle do río.

O goberno da vila termal é moi consciente do perigo de inundación, debido a un posible desbordamento, polo que urxe a limpeza e dragaxe da canle do torrente, "como remedio para evitar ou minimizar danos ocasionados", un labor que é competencia exclusiva da Xunta.