En Marea solicita a Fomento que arranxe a tubaxe na N-640 ao seu paso por Cuntis

Umia
24 de febreiro 2017

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, quere que o ministerio realice esta sinxela actuación antes de que volten as choivas e lembra que Fomento non instalou a tubaxe axeitada para drenar a auga do río Calvos, afluente do Gallo

Xuntanza entre o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e o presidente da Xunta
Xuntanza entre o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e o presidente da Xunta / Xunta de Galicia

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou no Congreso unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministerio de Fomento para solicitarlle que emprenda canto antes as demandadas actuacións de mellora da tubaxe que vai por debaixo da N-640 para unha axeitada drenaxe da auga do río Calvos, afluente do río Gallo, cando se producen enchentas.

Así, traslada a Fomento o problema que se vive en Cuntis coas inundacións do río Gallo en periodos de choivas. "As causas son varias e dependen da actuación de diversas administracións, tanto da Xunta como do Ministerio e do concello, que deben aportar as medidas precisas para dar solución a un problema que produce unha  grande preocupación entre a veciñanza".

Lembra especialmente Alexandra Fernández as enchentas do pasado ano 2016 que "deixaron un balanzo de importantes danos". E pón de manifesto as reivindicacións da veciñanza que leva anos pedindo solucións para evitar os destrozos das enchentas do río Gallo.

Demanda a deputada de En Marea que o ministerio cambie a tubaxe no quilómetro 217 da N-640. "Trátase de que por fin todas as administracións implicadas arranxen a súa parte e se poida minimizar o impacto das inundacións". Razón pola que empraza a Fomento a solucionar xa esta deficiencia que non implica grandes obras e aliviará a situación.