O temporal amaina dando paso a unha semana de nubes e claros con posibilidade de choivas débiles

Pontevedra
05 de febreiro 2017

As borrascas afástanse de Galicia e a semana que entra contará cun clima máis agradable, con predominio de nubes e claros e probabilidade dalgunhas precipitacións, que estarán lonxe da intensidade dos últimos días

Nubes, claros e arco da vella sobre Pontevedra
Nubes, claros e arco da vella sobre Pontevedra / Mónica Patxot

O peor pasou. A pesar de que a alerta se mantén aínda na costa e este domingo os ventos contan cunha intensidade moderada, a semana arrincará nas Rías Baixas cun clima máis apracible.

Despois do paso de dúas borrascas sucesivas, a provincia quedará desde o luns nunha situación na que predominarán as nubes e os claros, alternando con períodos "ocasionalmente moi nubrados" que provocarán precipitacións, aínda que de moita menor intensidade que as dos últimos días.

Así se esperan choivas "o luns e o martes pola tarde", segundo a predición de Meteogalicia, con temperaturas normais para a época do ano, con mínimas que roldarán os 8-9 graos e máximas que oscilarán entre 13 e 16.

A partir do mércores a situación mellorará un pouco máis ao quedar Galicia nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións "mesmo con predominio por momentos do anticiclón", polo que aínda que se rexistrará algunha precipitación "serán en xeral escasas e caerán de maneira intermitente con longos períodos de tempo seco", establece a predición meteorolóxica.

A ALERTA MANTENSE NA COSTA

A melloría climatolóxica non equivale a levantar a alerta costeira en Galicia, que se manterá en nivel amarelo durante o luns, polo que a Dirección Xeral de Emerxencias recomenda permanecer afastado das praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos ou aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar.

Por outra banda, a pesar de que as incidencias co temporal foron descendendo co paso das horas, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informou que, desde as 18:00 horas do sábado e ata as 8:00 horas do domingo xestionou 107 incidencias relacionadas co adverso meteorolóxico na provincia de Pontevedra, resultando A Estrada o municipio máis afectado (36). Na cidade de Pontevedra atendéronse 4 avisos por incidentes.