80 horas sen electricidade: "En este siglo, no pueden dejar cuatro días a los clientes sin luz"

A Lama
06 de febreiro 2017
Actualizado: 19:02

Este luns finalmente viron entre as 19 casas do lugar aos técnicos de Gas Natural Fenosa e prevese que recuperen o servizo en cuestión de pouco tempo, pero son xa demasiadas horas sen luz, sen teléfono, sen auga quente, sen calefacción, sen televisión, sen lavadora e o enfado vai en aumento 

Danos do temporal nunha casa de Pigarzos
Danos do temporal nunha casa de Pigarzos / Veciños de Pigarzos

"No pueden dejar cuatro días a los clientes sin luz en este siglo", lamentaba Marisa, unha veciña da aldea de Pigarzos, na Lama, cando levaba xa 84 horas sen subministración eléctrica. Este luns finalmente viron entre as 19 casas do lugar aos técnicos de Gas Natural Fenosa e prevese que recuperen o servizo en cuestión de pouco tempo, pero ata que poidan darlle ao interruptor eles non respirarán tranquilos. Son xa demasiadas horas sen luz, sen teléfono, sen auga quente, sen calefacción, sen televisión, sen lavadora e o enfado vai en aumento. 

O presidente da asociación de veciños de San Bartolomé de Xesta e portavoz do PSOE na Lama, Enrique Vaqueiro, manifestaba a súa frustración este luns tras acudir en persoa ás instalacións de Gas Natural Fenosa para presentar unha reclamación. Nos últimos días, desde que se foi a luz sobre as 3.00 horas da madrugada do venres, xa presentaron máis de 20 queixas sen resultado, así que decidiu ir en persoa e reiterar a demanda. De paso, pasou pola oficina de Consumo para presentar outra queixa. 

Tras tantos días non só se lles acabou a paciencia. Tamén tiveron que tomar decisións drásticas. Este domingo, tras dous días e medio sen luz, víronse na situación de ter que tirar quilos de comida, uns 900 entre todas as casas, pois tras tantos dias sen subministración, xa estaba todo perdido. 

Carne, peixe, verduras, produtos traídos desde México na súa última viaxe para visitar á familia... En cada conxelador de cada casa había reservas para meses de alimentación dunha familia e tiveron que tiralo todo, mínimo un arcón por casa e moito traballo tirado criando animais ou cultivando a horta. Piden compensacións, aínda que saben que moitas cousas son irrecuperables.

Ademais, os inconvenientes do día a día son cada vez máis. En case todas as vivendas de Pigarzos hai unha persoa maior e para eles "la luz es imprenscindible", tanto para unha veciña de 93 que vive soa como para outra de 85 dependente á que a súa filla, Marisa, ten que asear e cambiar varias veces ao día. Estas últimas xornadas tivo que lavar a súa roupa a man e secala como puido coa cociña de leña, ademais de estar sen duchar ou cargando o teléfono móbil coa batería dos coches. 

"Sobrevivimos malamente", lamenta esta veciña, que describe estes últimos días en Pigarzos explicando que viven "como ermitaños y sin que nadie se preocupe por nosotros". Ademais, tanto ela como Vaqueiro e o resto de veciños móstranse moi críticos con Fenosa por non prever a situación, non duplicar persoal e, ademais, durante o verán non realizar tarefas de mantemento nos tendidos eléctricos. 

A compañia, pola súa banda, asegura que reforzou todos os seus servizos para atender o mellor e máis rápido posible aos clientes. Levaron a verse afectados máis de 180.000 fogares galegos e este luns 1.717 seguen sen subministración, pero confían en poder reparalo todo en pouco tempo. No caso de Pigarzos aseguran que están xa na zona e que se está complicando a situación porque, no seu caso, ademais da liña, tamén se viu afectado un transformador.  

PEDIRÁN RESPONSABILIDADES

O Concello da Lama anunciou este luns que esixirá responsabilidades á compañía polo seu comportamento durante a avaría. O alcalde, Jorge Canda, manifestou comprender o malestar dos veciños e pediu publicamente á eléctrica que se faga cargo de reparar todos os prexuízos causados aos residentes nas zonas afectadas polo apagamento.

Segundo indicou a través dun comunicado, desde o Concello puxéronse en reiteradas ocasións en contacto con Gas Natural Fenosa coa intención de demandar unha rápida solución para o problema que padeceron, entre outros, os veciños de Pigarzos, Seixido e O Borralleiro. Ademais, propuxo aos técnicos que autorizasen ao Concello a contratar unha empresa especializada para intervir no transformador situado en Campelo, lugar onde se presumía a avaría.