Restrinxido o paso de peóns pola ponte da Barca polos danos do temporal

Pontevedra
04 de febreiro 2017

Os bombeiros tiveron que acudir en varias ocasións para asegurar os ferros da cuberta ao longo da ponte. Decidiuse restrinxir o tráfico de peóns "polo gran risco" que supón, xa que a estrutura quedou seriamente danada

Os bombeiros aseguran a cuberta da ponte da Barca
Os bombeiros aseguran a cuberta da ponte da Barca / Diego Torrado

Co paso das horas o temporal que azoutou toda Galicia empeza a perder intensidade, reducíndose as chamadas de alerta e as incidencias. Con todo as consecuencias do mal tempo seguen a notarse e seguiron provocando ao longo da xornada diversas intervencións dos servizos de emerxencia na cidade.

A máis importante na cidade de Pontevedra é a decisión de cortar o acceso peonil á ponte da Barca debido ao "gran risco" de que se produzan novos desprendementos na cuberta, sobre ambas as beirarrúas.

Os bombeiros tiveron que acudir en varias ocasións ao lugar para asegurar a infraestrutura, que quedou danada de maneira importante. Por ese motivo prohibiuse o paso de persoas.

As outras rúas que á primeira hora da tarde deste sábado aínda permanecen cortadas son Osorio Tafall e de Benito Corbal, desde Lepanto ata Sagasta, pola caída de anacos de Uralita de dous edificios. Ademais acordoáronse as inmediacións da tenda H&M, onde está colocada unha estada de obra.

Os bombeiros foron asegurando as zonas nas que se produciron desprendementos ou caida de cascallos ás que acudiran durante a noite, e atendendo novas chamadas.

Tamén se viu afectado o campo de herba sintética da Xunqueira, asolagado e con danos nos bancos que obrigaron a suspender varios partidos programados para este sábado. Despois deste suceso decretouse a suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre no municipio.

Entre as incidencias ocorridas durante a xornada de sábado atópase ademais a caída dunha árbore na entrada do IES Xunqueira I, o desprendemento dun portalón na delegación de Facenda, a caída de chapa desde o tellado da residencia da terceira idade en Campolongo ou da uralita dun taller, na rúa Martín Códax, que danou varios vehículos.