A Real Federación Española de Ximnasia vén de tomar a decisión de suspender todas as súas competicións nacionais previstas para os meses de maio e xuño. Iso afecta ao campionato de España de ximnasia acrobática que ía celebrarse en Pontevedra entre os días 19 e 21 de xuño.
Esta decisión adoptouse ante a situación de inseguridade e incerteza xerada pola pandemia do coronavirus e, segundo a federación, na busca de dispoñer dun escenario "máis seguro" unha vez que a crise sanitaria permita reactivar a organización de eventos deportivos.
O campionato, que estaba organizado polo Club Treboada e o Concello de Pontevedra, queda pendente para decidir un posible adiamento a outra data.
"Unha vez dispoñamos de máis información elaboraremos o calendario definitivo que vos será remitido", sinala a carta remitida polo ente federativo ao Concello, ao que lle piden "colaboración e paciencia" nestes difíciles momentos para todo o país.
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lamenta que o contexto de alerta sanitaria estea a alterar por completo o calendario de actividades e eventos deportivos de 2020, obrigando á suspensión ou o aprazamento de numeroso eventos.
Ata o momento víronse afectados o campionato galego de atletismo, a BTT Pontevedra 4 Picos que xa mudou as súas datas a setembro ou os Xogos Nacionais de Transplantados, que foron adiados ata o vindeiro ano.
Con todo, Fernández apunta que a saúde "é o único verdadeiramente importante" nestes momentos e "xa haberá tempo para volver a gozar de todas estas competicións".