Pontevedra non renuncia a albergar este ano grandes eventos deportivos, aínda que é consciente da dificultade que iso supón ante a incerteza que provocou a alerta sanitaria.
Polo momento ás cancelacións que xa se foron sucedendo nas últimas semanas, a máis recente a da sexta edición da Gladiator Race, únense as previstas para os próximos meses, e é que desde a concellería de Deportes contan con non poder organizar eventos como mínimo ata o mes de agosto.
"A día de hoxe temos cancelado xuño e posiblemente xullo", recoñeceu a PontevedraViva o concelleiro responsable, Tino Fernández.
Estas previsións supoñen a imposibilidade de levar a cabo citas xa clásicas como o Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín organizado polo Portero 2000 e previsto para o 13 e 14 de xuño e outras que se pretendían acoller como o Campionato de Europa de Fútbol Gaélico (17-20 de xullo).
"Estamos un pouco a expensas do que nos vaia chegando do Consello Superior de Deportes e o Ministerio", explica o edil, que tampouco conta con poder levar a cabo o Campionato de España Sprint de Piragüismo (31 de xullo ao 2 de agosto) a pesar de que a Federación non o suspendera aínda de maneira oficial.
Para outros eventos con todo trabállase en recolocalos no calendario ou en tentar mantelos ao estar previstos para os últimos meses do ano. É o caso por exemplo da que ía ser a segunda edición do Pro Tour de tríatlon, competición que reúne aos mellores triatletas elite nacionais estreada na Boa Vila a pasada tempada e que estaba xa comprometida a Pontevedra para o mes de setembro.
Pese ao interese, co tríatlon nacional e internacional aínda no aire "eu véxoo moi complicado", asegura Fernández.
Outras citas para tentar conservar no calendario serían a Copa de España de Ciclocrós de categoría C1 prevista para o 3 de outubro, e que supón un paso máis no obxectivo de aspirar a unha proba da Copa do Mundo primeiro e ao Mundial da especialidade despois, e tamén o Campionato de España de Loitas Olímpicas, aprazado da súa data inicial e ao que se lle busca acomodo "cara a final de ano, posiblemente en decembro".
Ademais, o 20 de setembro mantense polo momento a etapa final da Copa de España de natación en augas abertas no encoro de Pontillón do Castro, Verducido.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.