A vitoria do Peixe Galego ante o Real Canoe, primeira da tempada na liga LEB Ouro para os de Marín despois de sete xornadas, tivo un claro protagonista en Taiwo Badmus.
O aleiro con pasaporte irlandés foi elixido como xogador máis valorado da xornada na competición, o que supón un fiel reflexo da súa influencia no equipo.
Badmus sumou ante o Canoe 25 puntos, 7 rebotes, 2 recuperacions e recibiu 12 faltas en 32 minutos de xogo para un total de 36 puntos de valoración. Para poñer estas cifras en perspectiva, todo o equipo rival sumou 43 puntos de valoración no seu conxunto.
Earl Watson, pivote do Granada, obtivo a súa mesma valoración pero o seu equipo saíu derrotado do seu enfrontamento contra o Breogán.
No caso do xogador marinense, clave nos esquemas de Javi Llorente, mantivo unhas altas porcentaxes de tiro cun 1/3 en lanzamentos de 2, 2/ en triplos e 17/21 en tiros libres.
Despois da alegría que supuxo o seu primeiro triunfo do curso o Peixe Galego, situado a unha vitoria da zona de permanencia, prepárase xa para tentar prolongar a súa xeira positiva o vindeiro venres na súa visita á cancha do Club Melilla Baloncesto (20:15 horas).