Támara Echegoyen colga o bronce no Europeo de Vilamoura

Pontevedra
13 de novembro 2023

A falta de vento este luns na localidade portuguesa de Vilamoura obrigou a cancelar este luns a última xornada de competición do Campionato de Europa de 49erFX, facendo definitivos os resultados do domingo, onde Támara Echegoyen e Paula Barceló finalziaron en terceira posición

Támara Echegoyen y Paula Barceló, durante unha regata
Támara Echegoyen y Paula Barceló, durante unha regata / Sailing Energy / Real Federación Española de Vela

O xa de seu impoñente palmarés de Támara Echegoyen segue sumando éxitos, e é que a regatista pontevedra conseguiu este luns o bronce no Campionato de Europa da clase 49er FX de vela que se celebrou a última semana en Vilamoura.

Este luns estaba prevista a xornada decisiva, cunha última manga no grupo de ouro e a definitiva Medal Race, pero a falta de vento na costa portuguesa obrigou finalmente a cancelar a competición tras horas de espera facendo definitiva a clasificación xeral.

Nesa xeral Támara Echegoyen e a súa compañeira Paula Barceló marchaban terceiras despois de 13 regatas, quedando a 14 puntos das italianas Jana Germani e Giorgia Bertuzzi na loita pola medalla de prata. As primeiras clasificadas foron as norueguesas Helene Naess e Marie Ronningen.

Desta forma Echegoyen e Barceló, campioas mundiais de 2020 e xa clasificadas para os Xogos Olímpicos de París 2024, melloran a cuarta posición obtida o pasado ano no campionato continental.

"Foi unha semana da que sacamos moitísimo proveito, con condicións de moi pouco vento todos os días. Moitas aprendizaxes e unha medalla que sabe a ouro", sinalou a pontevedresa tras pecharse o Europeo en declaracións á Real Federación Española de Vela.