Támara Echegoyen e Berta Betanzos recollen en Baiona o Premio Nacional de Vela

Cerdedo-Cotobade
04 de setembro 2016

A regatista pontevedresa e a súa compañeira de aventuras na clase 49er Fx de vela foron distinguidas como o Mellor Equipo de Regatas Feminino pola súa espectacular traxectoria nos últimos meses, nos que foron campioas mundiais e lograron un meritotio diploma olímpico en Río

Támara Echegoyen e Berta Betanzos recollen o Premio Nacional de Vela
Támara Echegoyen e Berta Betanzos recollen o Premio Nacional de Vela / Miguel Riopa

O Monte Real Club de Yates de Baiona acolleu este sábado a entrega dos Premios Nacionais de Vela, con protagonismo para Támara Echegoyen e Berta Betanzos.

A regatista pontevedresa e a súa compañeira de aventuras no 49er FX foron distinguidas como Mellor Equipo de Regatas Feminino pola súa espectacular traxectoria nesta clase olímpica.

Támara e Berta navegan xuntas desde 2013, cando formaron equipo pensando no ciclo olímpico. Desde entón foron pouco a pouco progresando ata situarse na elite, e é que nos últimos meses conseguiron gañar o Campionato do Mundo, lograron un bronce no Europeo e pecharon a súa participación en Río de Janeiro cun meritorio diploma olímpico.

En Baiona acompañounas o seu adestrador Pepe Lis, ao que quixeron dedicar o seu premio por ser "peza fundamental" dos seus éxitos.

Tamén foron galardoados Arturo Montes (mellor deportista paralímpico), Rayco Tabares (mellor patrón), 'Rats on Fire' como mellor barco, o diario Marca (Premio Mariano Augado de Comunicación), e Abanca (mellor patrocinador do ano).