Támara Echegoyen, primeira regatista española en participar na Volvo Ocean Race

Cerdedo Cotobade
28 de xullo 2017

A campioa olímpica Támara Echegoyen segue facendo historia. Converteuse na primeira regatista española en formar parte dunha tripulación da Volvo Ocean Race. Será a bordo do 'Mapfre', proxecto español que participará nesta volta ao mundo por etapas que se iniciará en Alacante o próximo 22 de outubro

Támara Echegoyen a bordo do barco español da Volvo Ocean Race
Támara Echegoyen a bordo do barco español da Volvo Ocean Race / Desafío Mapfre

A campioa olímpica Támara Echegoyen segue facendo historia. Converteuse na primeira regatista española en formar parte dunha tripulación da Volvo Ocean Race. Será a bordo do 'Mapfre', proxecto español que participará nesta volta ao mundo por etapas que se iniciará en Alacante o próximo 22 de outubro.

Xunto a Echegoyen tamén estará a estadounidense Sophie Ciszec. Ambas intégranse na tripulación que comanda o campión mundial e olímpico Xabi Fernández.

"Para chegar a este momento foron meses duros de traballo pero estou moi contenta co resultado porque grazas á axuda de todos e, sobre todo das horas no barco, puiden mellorar neste mundo que é tan novo para min", sinalou Echegoyen.

"Estou moi agradecida sobre todo polo esforzo e o tempo que me dedicaron ata agora para poder mellorar ás alancadas", engadiu.

A deportista pontevedresa debutará no 'Mapfre' na Rolex Fasnet Race, a travesía da costa sur de Inglaterra con 605 millas (1.120,5 quilómetros), que se iniciará en Cowes (Reino Unido) o próximo seis de agosto.

A regatista xa se embarcou no 'Mapfre', que saía nas últimas horas de Sanxenxo rombo á localidade británica para participar nun torneo que "é unha boa proba para saber ata onde podo chegar e cales son as habilidades que necesito mellorar para ser un punto forte dentro do equipo".

Támara Echegoyen entende que "é un punto de inflexión nesta carreira cara á saída da Volvo e teño que seguir aprendendo".