O Real Club Náutico de Sanxenxo vestiu de gala este xoves para acoller a presentación oficial do desafío español da próxima Volvo Ocean Race.
O rei emérito Don Juan Carlos I, a súa filla a Infanta Elena, o presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete, a Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, ou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, non quixeron perder a posta de longo do Desafío Mapfre, barco que volve contar coa dirección xeral de Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo.
Durante nove meses o Mapfre dará a volta ao mundo recalando en 12 países e cinco continentes, todo un reto para unha tripulación de 10 regatistas entre os que se atopa a pontevedresa Támara Echegoyen, primeira española en afrontar esta prestixiosa regata de vela oceánica.
"Como somos un equipo humilde, teño que recoñecer despois de falalo con Xabi, que sempre existe unha posibilidade de que non gañemos, pero do que non existe ningunha dúbida é que loitaremos por deixar moi alto o pavillón", explicou na presentación o máximo responsable do equipo, Pedro Campos.
O barco español da Volvo Ocean Race, que estará patroneado polo vasco Xabi Fernández, deixará Sanxenxo o próximo 16 de setembro tras varias semanas de adestramento para poñer rumbo a Lisboa, onde pasarán a última revisión oficial antes de dirixirse a Alacante, porto de saída da competición o día 22 de outubro.