O soño de participar na Volvo Ocean Race é xa unha realidade para Támara Echegoyen

Cerdedo Cotobade
23 de outubro 2017

A regatista pontevedresa converteuse oficialmente este domingo na primeira española en tomar parte na Volta ao Mundo a Vela, ao formar parte da tripulación do Mapfre na primeira etapa oceánica da competición entre Alacante e Lisboa

O Mapfre, durante a primeira etapa da Volvo Ocean Race
O Mapfre, durante a primeira etapa da Volvo Ocean Race / Ugo Fonollá / Mapfre / Volvo Ocean Race

Despois de meses de preparación, intensos adestramentos e regatas previas, Támara Echegoyen converteuse este domingo de maneira oficial na primeira española en participar na Volvo Ocean Race.

A regatista pontevedresa partiu do porto de Alacante a bordo do Desafío Español, o Mapfre, para afrontar a primeira etapa da proba ata Lisboa.

Á tripulación do Mapfre, barco que conta coa súa base no Real Club Náutico de Sanxenxo, esperábanlle 1.450 millas de percorrido nas que demostrar as boas sensacións previas, que lles colocaron como un dos grandes favoritos da competición.

Non en balde o barco español impúxose na regata de preparación, na prólogo e na costeira celebrada xa en Alacante, e que repartía os primeiros puntos na clasificación da Volta ao Mundo a Vela 2017.

"Ao final estivemos traballando moi duro para a Volvo Ocean Race e o corpo xa che pide montarte no barco e empezar a dar o mellor de ti mesmo na etapa 1", recoñecía con certo nerviosismo Támara a poucas horas de que se dese a saída oficial.

O inicio da etapa está a ser con todo complicado para o Mapfre, cunha penalización por non manter suficiente distancia con outro competidor que lle atrasou nos primeiros compases. Repúxose pouco despois pero durante a mañá deste luns caeu á quinta posición provisional, dentro dunha frota bastante agrupada aínda, manténdose a 13 millas do lider, o Vestas.