A frota da Volta ao Mundo a Vela, a Volvo Ocean Race, leva catro días de navegación na segunda etapa da competición, desde a saída do pasado domingo en Lisboa, pero en contra do que adoita suceder en rutas de tan longa distancia a igualdade está a ser máxima.
Foi un inicio sen apenas descanso e con constantes alternativas empuxados polo forte vento reinante e agora, cando se aceiran as calmas ecuatoriais, todo comprimiuse ata o extremo.
O líder, segundo o parte de posicións publicado ás 14:00 horas deste xoves, é o Dongfeng chinés, pero ata 5 das 7 embarcacións atópanse en apenas 12,7 millas de distancia.
Entre elas está o Mapfre español, cuarto a 10,2 millas, por tanto no medio da pelexa e nunha situación de incerteza, porque as nubes e chuvascos poden facer escalar posicións de maneira rápida ou penalizar a velocidade do barco.
"É un pouco o tira e afrouxa da goma e esperar a que che cadre ben e estar diante cando saias alén dos Doldrums. É o que toca nesta zona cos chuvascos, e hai veces que ganas e outras que perdes. É un pouco como xogar á lotería", explica o proa Ñeti Cuervas-Mons.
É por iso que a tripulación da embarcación de Sanxenxo mantense alerta e na busca dunha boa posición para cando regresen os refachos de vento.
En todo caso a etapa, unha das máis longas da Volvo Ocean Race, non fixo máis que empezar xa que os participantes aínda deben afrontar máis de 4.000 millas náuticas ata Cidade do Cabo nas que todo pode pasar.