Segundo posto para o Mapfre na primeira etapa da Volvo Ocean Race

Cerdedo Cotobade
28 de outubro 2017

O desafío español na Volta ao Mundo a Vela, coa pontevedresa Támara Echegoyen a bordo, remontou posicións tras un mal inicio en Alacante e chegou a apertar ao Vestas, que navegaba en primeira posición, pero finalmente chegou segundo á meta da primeira etapa en Lisboa

Támara Echegoyen durante a etapa 1 da Volvo Ocean Race
Támara Echegoyen durante a etapa 1 da Volvo Ocean Race / Ugo Fonolla / Mapfre / Volvo Ocean Race

Máis de seis días de navegación ininterrompida afrontou a frota da Volvo Ocean Race de vela, entre eles o Mapfre do Real Club Náutico de Sanxenxo coa pontevedresa Támara Echegoyen a bordo, na primeira etapa da competición.

O desafío español na Volta ao Mundo, que gañara a etapa costeira o Alacante, tivo problemas no inicio da primeira gran ruta, con máis de 1.460 millas ata Lisboa, pero soubo repoñerse a tempo.

O barco patroneado por Xabi Fernández protagonizou unha gran remontada antes do paso polo estreito de Xibraltar e colocouse segundo para encabezar a persecución do líder provisional, o Vestas liderado polo estadounidense Charlie Enright.

Chegou a reducir distancias o Mapfre e dar emoción á etapa, pero o Vestas puido manterse na cabeza para chegar en primeira posición este sábado a Lisboa.

Ao final o barco español con base en Sanxenxo foi segundo pero sufrindo o pouco vento na entrada a Lisboa, co Dongfeng e o Team Azko preto, sumando 6 puntos.

Tras un merecido descanso, os participantes na Volvo Ocean Race empezarán a pensar na etapa 2 da regata, que se iniciará o próximo 5 de novembro con 7.000 millas náuticas de percorrido entre Lisboa e Cidade do Cabo, Sudáfrica.