A regata Rei Juan Carlos I contará con dous barcos da volta ao mundo a vela

Sanxenxo
05 de setembro 2017

A proba organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo, na que tamén participará o rei emérito na clase 6M de vela, disputarase desde o vindeiro venres 8 de setembro

O Mapfre e o Dongfeng da Volvo Ocean Race adestrando en augas de Sanxenxo
O Mapfre e o Dongfeng da Volvo Ocean Race adestrando en augas de Sanxenxo /

A Regata Rei Juan Carlos I terá este ano un atractivo especial, e é que nela participarán os dous barcos da volta ao mundo a vela que estas semanas teñen a súa base de adestramento en Sanxenxo.

Trátase do desafío español, o Mapfre, que conta coa súa base no porto pontevedrés, e o Dongfeng chinés. Ambos medirán as súas forzas como preparación para a esixente Volvo Ocean Race que arrinca en outubro en Alacante.

O Real Club Náutico de Sanxenxo organiza un ano máis esta regata, que contará con diferentes categorías. 

As clases en competición, ademais dos barcos da Volvo Ocean Race, serán a Optimist; Vela Adaptada; Nauta Sanxenxo J80; os cruceiros de BMW ORC; Clásicos; e a Clase 6M, onde está confirmada a presenza do rei emérito, Juan Carlos I.

A cita arrancará o venres o vindeiro venres 8 de setembro coa disputa das primeiras probas para as clases BMW ORC e Movistar 6M. En canto aos barcos da volta ao Mundo, o Mapfre e o Dongfeng enfrontaranse o sábado en varias probas de formato 'match race', mentres o domingo completarán un percorrido costeiro entre Ons e Cíes.

"Será unha oportunidade magnífica porque non é fácil ter dous barcos desta categoría nunha regata nas nosas augas", recoñeceu na presentación da regata o presidente do Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos.