Támara Echegoyen e Paula Barceló inician o Mundial con bo pé e anuncian batalla pola praza olímpica

Pontevedra
11 de febreiro 2020

A regatista pontevedresa e a súa compañeira a bordo do 49er FX pecharon o primeiro día de competición en Australia en posición de podio, terceiras, e aspirando o máis alto. O seu obxectivo, ademais da medalla mundialista, é poñerlle a decisión difícil á Federación Española de Vela, que debe decidir que tripulación nacional acudirá a Tokyo

Támara Echegoyen e Paula Barceló durante o Trofeo Princesa Sofía
Támara Echegoyen e Paula Barceló durante o Trofeo Princesa Sofía / Jesús Renedo / Sailing Energy

Bo inicio de Támara Echegoyen e Paula Barceló no Campionato do Mundo de Vela na clase 49er FX que se está disputando na localidade australiana de Geelong.

Despois da suspensión da primeira xornada por exceso de vento, este martes puidéronse disputar as tres primeiras mangas da rolda clasificatoria, con excelentes resultados para a regatista pontevedresa e a súa compañeira.

Echegoyen e Barceló mantivéronse en todo momento entre o  top-5 da frota acumulando un quinto posto, un triunfo parcial e un cuarto lugar que lles colocou a terceira posición da xeral provisional, empatadas a puntos coas australianas Tess Lloyd e Jaime Ryan, segundas, e aspirando a todo. Encabezan a táboa as alemás Tina Lutz e Lotta Wiemers.

Este arranque é toda unha declaración de intencións, posto que o obxectivo do dúo galego-balear é, ademais de pelexar por unha medalla mundialista, dificultar á Real Federación Española de Vela (RFEV) a elección da tripulación que acudirá aos Xogos Olímpicos de Tokyo, decisión que debe tomar a comisión técnica unha vez conseguida a praza no pasado mundial por parte de Patricia Suárez e Nicole van der Velden. 

Os seus grandes rivais para acudir á cita olímpica non protagonizaron unha boa xornada en Australia, quedando situadas no 29º posto de maneira provisional.

Concluído o primeiro día de competición, Támara Echegoyen mostrouse satisfeita do seu rendemento en declaracións á RFEV: "Foi un día incrible e á vez moi complicado, con diferentes condicións de vento, pero estamos moi contentas. Sentimos moi cómodas navegando aquí en Australia. No pasado mundial tivemos problemas coa lesión de Paula e vímonos obrigadas a abandonar, pero a recuperación foi moi ben e Paula fixo hoxe un fabuloso traballo na auga", sinalou a pontevedresa. É só o primeiro día, pero o inicio non pode ser máis esperanzador.