Támara Echegoyen encara o Mundial de Nova Zelandia, penúltima oportunidade para clasificarse para os Xogos

Pontevedra
02 de decembro 2019

A regatista pontevedresa, campioa olímpica en 2012 e cuarta en 2016, busca xunto á súa compañeira Paula Barceló clasificarse para os que serían os seus terceiros Xogos, os de Tokyo 2020. Chegan á cita clave nun momento delicado pola recente operación de Barceló por unha fractura ósea

Támara Echegoyen e Paula Barceló durante o Trofeo Princesa Sofía
Támara Echegoyen e Paula Barceló durante o Trofeo Princesa Sofía / Jesús Renedo / Sailing Energy

Os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020 pasan por Nova Zelandia para Támara Echegoyen.

A regatista pontevedresa, ouro en Londres 2012 e cuarta en Río 2016, buscará desde este martes no Mundial de Nova Zelandia clasificar para os Xogos un barco español na clase 49er FX.

Non será unha competición definitiva, pero si a penúltima oportunidade de lograr a praza olímpica (clasifica o país, non a tripulación, aínda que se logran o billete terían pé e medio en Tokyo). Por iso Támara e a súa compañeira Paula Barceló recoñece que "non nos imos a ir sen tentalo", tal e como resaltaron na previa mundialista a través das súas redes sociais.

Será unha tarefa complicada, pois só se reparten 6 prazas para os Xogos, e por se a dificultade non fóra por si soa suficiente, Echegoyen e Barceló non chegan no seu mellor momento. Unha fractura ósea de Paula no quinto metatarsiano producida mentres adestraba en Nova Zelandia puxo en perigo a súa participación. A deportista balear tivo que viaxar de urxencia a España para ser operada, pero finalmente poderá estar no Mundial.

"Hai dúas semanas era inviable correr o mundial. Debemos ser realistas, non chegaremos como quixésemos, pero loitaremos cada manga para axudar ao equipo para conseguir a praza para España nos Xogos", sinalou a deportista balear en declaracións recollidas pola Real Federación Española de Vela.

Por diante, un total de 18 regatas programadas nas que se inclúe a definitiva Medal Race. A competición constará dunha serie clasificatoria entre o 3 e o 5 de decembro cun máximo de nove mangas, unha serie final entre o 6 e o 8 con ata oito regatas disputables e a Medal Race, á que só acceden as 10 primeiras tripulacións da clasificación xeral e que se celebrará o mesmo domingo día 8 de decembro. A emoción está servida.