Támara Echegoyen e Paula Barceló abandonan no Mundial de vela de Nova Zelandia

Pontevedra
05 de decembro 2019

A lesión da balear, que chegou moi xusta á cita, lastrou as opcións do equipo, que buscaba no Mundial a praza olímpica para Tokyo 2020

Támara Echegoyen e Paula Barceló durante o Trofeo Princesa Sofía
Támara Echegoyen e Paula Barceló durante o Trofeo Princesa Sofía / Jesús Renedo / Sailing Energy

Os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020 están cada vez máis lonxe para Támara Echegoyen, ouro en Londres 2012 e cuarta en Río 2016.

A regatista pontevedresa e a súa compañeira a bordo do 49er FX, Paula Barceló, retiráronse do Campionato do Mundo que se está celebrando en Nova Zelandia tras as primeiras xornadas de competición.

A lesión de Barceló, que chegou in extremis á cita despois de ser operada pola rotura dun metatarsiano, lastrou as opcións do equipo, que sufriu durante as mangas que logrou completar en Auckland.

Tras suspenderse a primeira xornada prevista, Echegoyen e Barceló estreáronse con resultados dispares, por unha banda cun oitavo e un segundo posto en dous parciais pero por outro picando con 22 e 26 que lles deixaba na 28º posición.

Este xoves non foi diferente (22-11-7-23), finalizando a fase preliminar no 30ª posto, polo que tras consultalo co equipo técnico e médico da Real Federación Española de Vela decidiron optar pola retirada ao non poder axudar a clasificar a España para os Xogos. Con esta decisión, asegura a Federación, trátase de continuar co plan máis adecuado na recuperación da tripulante balear.

As que si seguen na pelexa pola praza olímpica para España no 49er FX son Patricia Suárez e  Nicole Van der Velden, que se colocaron oitavas na clasificación, moi preto dos seis primeiros postos que outorgan praza olímpica.