Támara Echegoyen lánzase a por "un dos maiores desafíos da vela", o Trofeo Jules Verne

Pontevedra
28 de novembro 2025
Actualizado: 14:19

A regatista pontevedresa ten previsto iniciar este sábado o desafío do Trofeo Jules Verne, que supón completar a volta ao mundo sen paradas nin asistencia no menor tempo posible

Támara Echegoyen, a bordo de The Famous Project
Támara Echegoyen, a bordo de The Famous Project / Jean-Marie LIOT / The Famous Project

A vida está feita de retos. Que llo digan a Támara Echegoyen, que tras pór punto e final á súa carreira na vela olímpica segue plantexando novos desafíos.

A regatista pontevedresa, campioa olímpica en Londres 2012 e abandeirada de España en París 2024, leva meses preparándose para afrontar o Trofeo Jules Verne.

Trátase, segundo ela mesma recoñeceu nas súas redes sociais, de "un dos maiores desafíos da vela: dar a volta ao mundo sen paradas e sen asistencia".

"Non é unha carreira contra outros, senón contra o tempo, o océano… e un mesmo", asegura.

Echegoyen é unha das oito regatistas que compoñen a tripulación integramente feminina do barco The Famous Projetc.

Támara Echegoyen, a bordo de The Famous Project
Támara Echegoyen, a bordo de The Famous ProjectJean-Marie LIOT / The Famous Project

Un proxecto que tentará bater a marca de velocidade na volta ao mundo sen realizar paradas.

Para iso é moi importante a climatoloxía, e por iso levan semanas en espera dunha xanela de oportunidade para iniciar o reto.

Ese momento parece que chegou, e The Famous Projetc ten previsto partir este mesmo sábado desde o porto francés de Brest.

Támara Echegoyen estará acompañada no Trofeo Jules Verne por un equipo de regatistas internacional, que completan Stacey Jackson, Dee Cafari, Alexia Barrier, Annemieke Bes, Rebecca Gmuer, Deb Blair e Molly Lapointe.