O Team Farto ascende ao segundo posto do ranking nacional tras triunfar en Castela-A Mancha

Pontevedra
27 de agosto 2025
Actualizado: 11:42

A vitoria nunha etapa e no xeneral da Volta a Castela-A Mancha coloca o equipo pontevedrés como o segundo con máis puntos do panorama nacional, tras o Massi Baix Ter

Ciclistas del Farto na Vuelta Castilla-La Mancha
Ciclistas del Farto na Vuelta Castilla-La Mancha / Team Farto

A tempada vai camiño de ser histórica para o Team Farto.

O equipo feminino pontevedrés vén de ser un dos grandes protagonistas da Volta a Castela-A Mancha, cunha actuación que o disparou no ranking nacional.

Coa súa ciclista Agua Marina Espínola o Farto sumou un triunfo parcial na última etapa da rolda manchega e tamén levou a clasificación xeral.

Ademais a escuadra galega impúxose na clasificación por equipos, por puntos e na montaña, neste último caso por medio de Alessia Missiaggia.

Con este resultado o Farto vaise, na actualización deste luns 25 de agosto, ata os 1.138 puntos no ranking nacional, sendo o segundo mellor equipo do ano ata o momento só superado polo Massi Baix Ter (1.473 puntos).

Tamén segunda se situou a nivel individual a propia Agua Marina Espínola (604 puntos) subindo seis posicións, e xa só por detrás de Marlen Reusser do Movistar Team (651 puntos).

Non é pouca cousa, e é que se trata da actual subcampioa do Giro de Italia e da Volta Ciclista España.

Tras esta cita o Team Farto mira agora cara a un triplo obxectivo no mes de setembro, no tramo final da súa tempada.

Por unha banda ten previsto participar en dúas voltas profesionais por etapas en Italia, como son o Giro della Toscana (4 ao 7 de setembro) e o Giro Mediterraneo in Rosa (19 ao 21), ao que se suma o Campionato Galego de Fondo que terá lugar en Sanxenxo o 7 de setembro.