Neste ano en que se celebra o décimo aniversario do Club Boxeo Team Thunder Marín, a entidade marinense alzouse con dous prestixiosos recoñecementos na gala dos Premios do Centenario da Federación Galega de Boxeo, celebrada este domingo 28.
O Open Vila de Marín conquistou o galardón ao Mellor Evento, consolidando este torneo como unha cita imprescindible no calendario boxístico galego e nacional.
O recoñecemento premia o crecemento sostido dunha competición que soubo gañarse un oco destacado no panorama puxilístico.
A segunda distinción recaeu no mozo boxeador Martín Grandío, quen levou o premio a Mellor Promesa do Boxeo Galego.
Este galardón confirma o potencial da canteira marinense e augura un futuro prometedor para o púxil.
Durante a cerimonia, Grandío recolleu persoalmente o seu trofeo, mentres que o boxeador Aarón González, acompañado polos técnicos Alberto Teijeiro e Mario Peteiro, representaba ao club para recoller o premio ao Mellor Evento.
Estes recoñecementos chegan nun ano especial para o Team Thunder, que conmemora unha década de actividade intensa. Durante este dez anos, o club transcendeu os límites do ring, destacando na formación de deportistas, a organización de eventos de alto nivel e a promoción de valores como a disciplina e a integración social.