Terceira semana de 'lei do silencio' no Pontevedra

Pontevedra
02 de maio 2023

O adestrador do primeiro equipo granate, Juan Señor, pediu que se manteña unha semana máis a prohibición de realizar entrevistas aos xogadores para centrar o foco dos futbolistas no estritamente deportivo ante o importante encontro que deben afrontar o vindeiro domingo en Talavera de la Reina

Primeiro adestramento de Juan Señor no Pontevedra
Primeiro adestramento de Juan Señor no Pontevedra / Mónica Patxot

Centrar o foco no estritamente deportivo é a intención do Pontevedra Club de Fútbol nunha semana na que vivirán unha nova final pola permanencia na súa visita ao pechacancelas Talavera.

Así o quere Juan Señor, que pediu ao club granate que os seus xogadores non atendan entrevistas dos medios de comunicación para evitar calquera tipo de distracción.

Será a terceira semana consecutiva de 'lei do silencio' na entidade de Pasarón, coa única excepción das roldas de prensa do propio Señor de previa e post-partido.

O primeiro plantel pontevedrés afronta este martes xornada de descanso, estando previsto este mércores 3 de maio o seu regreso aos adestramentos cunha sesión no complexo deportivo da Xunqueira.

A principal incógnita coa que inicia a semana o Pontevedra é o estado da súa enfermería, sobre todo mirando cara a un home fixo nas aliñacións como Brais Abelenda, que tivo que pedir o cambio o pasado domingo abandonando o terreo de xogo visiblemente afectado. Aínda que despois do encontro o atacante tiña xa mellores sensacións, non será ata o primeiro adestramento intenso da semana cando se poidan empezar a despexar as incógnitas sobre o seu estado.