Desde o pasado 18 de decembro, cun 0-2 en Alxeciras, o Pontevedra Club de Fútbol non sumou nin un só punto fóra da casa, e así pensar na salvación faise imposible. Nin sequera no campo dun Talavera pechacancelas e case desafiuzado os granates conseguiron este domingo sacar algo positivo, despois de remontar dous goles en contra e desinflarse nos instantes finais (4-2) para ver como as súas opcións de permanencia seguen descendendo. Aínda é matematicamente posible, pero cada vez máis improbable.
Os da Boa Vila sabían que era un encontro vital para as súas aspiracións, máis tras saltar ao campo sabendo que o Sanse, rival que marcaba a zona de salvación, cedera un empate. Con todo o equipo adestrado por Juan Señor pareceu saltar ao terreo de xogo sen ambición. O Talavera foi o que se fixo co dominio desde os instantes iniciais, cun Pontevedra ao que non lle duraba o balón e apenas se aproximaba ao área contraria.
Aos 6 minutos o conxunto local deu o primeiro aviso, nun saque de esquina sacabo por Riere que Buenacasa remataba de cabeza sen oposición salvando Cacharrón. Reaccionaron os granates cunha acció individual de Álex González, pero o seu centro chute tras desfacerse do seu marcador sacábao o gardameta. Era o minuto 7 e sería a única aproximación con perigo visitante de toda a primeira metade.
O guión non cambiou, e no minuto 12 puido chegar o primeiro do Talavera. Riera filtra un balón profundo polo costado destro de ataque dos seus para a chegada de Álvaro Juan, pero o centro deste non o aproveita Escudero con todo a favor e ao bordo da área pequena disparando desviado. Un aviso máis que serio de que non era o camiño para os granates.
Tanto empezou a ir o cántaro á fonte que terminou por romper pasado o ecuador do acto inicial co 1-0. Aos 26 minutos o equipo manchego recuperaba en cuarto de campo propio e iniciaba unha rápida transición pola esquerda. Souley aguantaba a disputa con Bastos e servía de novo ás costas da liña defensiva para o desmarque de Escudero, que batía coa zurda por baixo a Cacharrón.
O golpe non fixo reaccionar ao Pontevedra, e aínda que o ritmo descendeu lixeiramente con menos chegadas locais, nun contragolpe ao fío do descanso chegaba o segundo. Nunha mala transición defensiva Álvaro Juan recibía ao espazo totalmente só pola dereita, encaraba ao Cacharrón e cedía no último momento para que de novo Escudero marcase a pracer. Así se chegaba ao descanso. O panorama era negro, pero aínda restaban 45 minutos para emendar as cousas.
Señor moveu ficha desde o banco, dando entrada a Yelko Pino e a Charles en lugar de Víctor Casais e de Rufo, que fora a única novidade no once inicial. Os granates adiantaban liñas para tentar apurar as súas opcións, aínda que o primeiro que chegaba era unha soble ocasión local, ambas as dúas na cabeza de Buenacasa. A primeira atopou a Cacharrón e a segunda, a remate dunha falta lateral, o traveseiro.
Perdoou a sentenza o Talavera e a continuación chegaría o 2-1 que, polo menos, dabas esperanzas. Yelko cazaba un balón entre liñas, con espazo e tempo para pensar poñendo un balón filtrado ao momento de penalti para que Brais controlase ao segundo toque cruzase marcando coa esquerda.
Por diante, aínda restaban 35 minutos, e o Pontevedra estirouse aínda máis, o que deixaba tamén opción ás contras manchegas. Nunha delas Cacharrón salvaba un man a man con Álvaro Juan para manter no partido ao seu equipo.
Agora si os da Boa Vila buscaban con determinación a meta contraria. Brais estivo de feito preto do empate cun disparo desde a frontal que se estrelou no lateral da rede, e conseguiuno despois a 10 minutos do final nun centro de Borja desde a dereita que se foi envenenando ata que o 8 granate meteu a bota para bater a Biel.
Os afeccionados pontevedreses desprazados a Talavera de la Reina soñaban coa remontada e unha vitoria que aumentase as opcións de salvación na Primeira RFEF, pero cando estaba máis preto o globo picouse. Escudero volvía marcar no minuto 85 rematando de socato un centro desde a dereita mal defendido pola zaga, e repetía xa no desconto co seu cuarto tanto da mañá para finiquitar o duelo. Antes Bastos pedira un penalti por unha patada de Souley na área, con 3-2. Pareceu claro, pero o colexiado non concedeu o que podía supoñer o empate, claro que un punto tampouco era suficiente.
Tras este resultado e a falta de só 9 puntos por disputarse, o Pontevedra afúndese na táboa a 6 xa da permanencia.
CF TALAVERA (4): Biel Ribas, Álvaro Juan (Delorenzi, min.77), Morante, Neyder (Loukou, min.84), Dani Ramos, Lass, Reguera (Renan Zanelli, min.77), Sito Riera (Bueno, min.77), Escudero, Souley, Buenacasa (Edu Gallardo, min.66).
PONTEVEDRA CF (2): Cacaharrón, Ángel Bastos, Soto, Churre, Samu Araújo (Guèye, min.59), Miguel Román (Gonzalo Bueno, min.91), Borja Domínguez, Álex González, Brais Abalenda, Víctor Casais (Yelko Pino, min.46), Rufo (Charles, min.46).
Árbitros: Imanol Irurtzun Artola, auxiliado nas bandas por Domínguez Rubio e Martínez Guerrero (Navarra). Amoestou a Riera, Biel e Lass no Talavera e a Brais Abalenda, Samu Araújo e Miguel Román no Pontevedra.
Goles: 1-0 Escudero (min.26); 2-0 Escudero (min.43); 2-1 Brais Abelenda (min.55); 2-2 Brais Abelenda (min.80); 3-2 Escudero (min.85); 4-2 Escudero (min.91).
Incidencias: Partido da xornada 35 de liga na Primera RFEF disputado no Estadio Municipal El Prado de Talavera ante 2.068 espectadores.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.