A un só partido está a pontevedresa Teresa Abelleira de levantar un título continental, o do Campionato de Europa Sub-17 que se está a disputar na República Checa.
A futbolista do RC Deportivo foi unha das protagonistas no equipo da Selección Española da categoría que este xoves derrotou a Holanda (0-2) para clasificarse para a gran final da competición.
Abelleira demostrou unha vez máis contar, e moito, para a seleccionadora nacional, Toña Is, ao saír no once inicial e só ser substituída a tres minutos do final do encontro.
España dominou o choque desde o inicio, con presión elevada e control do esférico, e adiantouse xa aos 5 minutos cun penalti transformado por Carla. O duelo seguiu polo mesmo guión e pese algunha opción holandesa foi a española Claudia Pina a que fixo o segundo antes do descanso. Xa na segunda metade a Selección controlou o partido para que pasasen os minutos ata certificar o pase á final, na que se enfrontarán a Alemaña ou a Noruega, protagonistas da segunda semifinal.
Tere Abelleira está a gozar de protagonismo no Europeo. Xogou todo o partido na estrea con derrota ante Alemaña (1-4) e na vitoria por goleada ante as anfitrioas, a República Checa (5-1), e só deixou de xogar nun encontro, o último da primeira fase ante Francia (1-1).
A final da competición disputarase o vindeiro domingo 14 de maio (18:30 horas) na localidade checa de Pilsen.