Os penaltis deixan sen título a Tere Abelleira no Europeo Sub-17 de seleccións

Pontevedra
15 de maio 2017

A futbolista pontevedresa foi titular, pero retirouse tras o descanso por lesión. O partido terminou con empate sen goles pero España cedeu na quenda de penaltis

Teresa Abelleira (segunda arriba pola esquerda) co equipo de España Sub-17 na final Europea
Teresa Abelleira (segunda arriba pola esquerda) co equipo de España Sub-17 na final Europea

Ás portas de lograr o título continental quedou Teresa Abelleira na final do Campionato de Europa Sub-17 de seleccións disputada este domingo na localidade checa de Pilsen.

A futbolista pontevedresa volveu ser titular no equipo español, que cedeu na quenda de penaltis ante a súa besta negra, Alemaña, despois dun partido que concluíu con empate sen goles.

A mala sorte foi dobre para Abelleira, que se retirou lesionada  despois de sufrir unha dura entrada dunha xogadora alemá antes do descanso.

España foi mellor que o seu rival, dominando o xogo e a posesión a pesar das complicadas condicións do terreo de xogo por mor da choiva. Con todo o combinado nacional perdoou as súas ocasións e foi castigado na lotería dos lanzamentos de penalti, na que só anotaron un tanto polos tres do seu rival.

Con todo o balance do campionato debe ser positivo para a Selección e en particular para Teresa Abelleira, consolidada no equipo nacional ao xogar todos os partidos de titular salvo un, na primeira fase ante Francia, no que descansou por problemas físicos.