Teresa Abelleira, flamante campioa de Europa coa Selección Española Sub-19

Pontevedra
31 de xullo 2018

A futbolista pontevedresa volveu ser titular no combinado nacional na final do Europeo, na que España impúxose a Alemaña cun gol de falta a só 10 minutos do final

A Selección Española Sub-19 celebra o título europeo
A Selección Española Sub-19 celebra o título europeo / RFEF

Campioa de Europa! Teresa Abelleira sacou a espiña internacional que supuxo perder o pasado ano o título continental Sub-17 nos penaltis, proclamándose co combinado nacional Sub-19 esta vez si campioa europea.

A futbolista pontevedresa, decisiva na semifinal co gol que clasificaba a España, volveu ser titular na final ante Alemaña na medular do terreo de xogo, e baleirouse para axudar ao seu equipo para conseguir o triunfo.

Foi un duelo típico dunha gran final, con tensión, emoción e igualdade que non se desfixo ata os últimos minutos de xogo.

Despois dunha primeira metade sen movementos no marcador, no segundo acto o equipo español puido tomar vantaxe cun disparo á cruceta de Nerea Eizaguirre e outro á madeira de Carla, pero non foi ata o 80 cando chegaría a xogada decisiva, un lanzamento de falta directa que María Llompart que se coou no fondo da portería alemá.

Tocou sufrir o asedio do conxunto teutón nos últimos minutos, xa sen Abelleira sobre o terreo de xogo tras ser substituída no 86 por Yasmin Slack, pero o marcador xa non se movería.

O terreo de xogo do estadio Tissot Area, na localidade suíza de Biel, converteuse nunha festa española para celebrar o ouro europeo, e Teresa Abelleira ten boa culpa diso.