Teresa Abelleira, futbolista campioa de Europa sub-19: "O deporte feminino está a cambiar. Están a darnos visibilidade"

Pontevedra
03 de agosto 2018

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, recibiu oficialmente á xogadora pontevedresa despois do éxito deportivo coa selección española de fútbol e destacou a calidade deportiva e humana da centrocampista

A presidenta da Deputación recibe a futbolista Teresa Abelleira
A presidenta da Deputación recibe a futbolista Teresa Abelleira / Mónica Patxot

A futbolista pontevedresa Teresa Abelleira mostraba un amplo sorriso á súa chegada á Deputación Provincial. Non é para menos. Esta moza de 18 anos pode presumir de ser campioa de Europa sub-19 e de ser fundamental no torneo cun gol decisivo na semifinal ante Dinamarca.

Este venres era protagonista da recepción oficial que lle ofreceu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que destacou a súa calidade como futbolista e tamén como persoa. "É un orgullo para a provincia", indicou. 

Teresa Abelleira, xogadora do Deportivo, agarda que a próxima tempada logre co club galego o ascenso á primeira división feminina (Liga Iberdrola), un obxectivo que non puido acadar no pasado campionato.

Agora, tras o triunfo no campionato de Europa chega con forzas renovadas para a nova tempada e móstrase contenta polo cambio que se está a rexistrar socialmente en relación co deporte feminino: "Está a cambiar. Están a darnos visibilidade", asegura e sinala que agora se nota o apoio das administracións ao deporte feminino. 

Neste sentido, a presidenta provincial destacou os éxitos das mulleres nas diferentes competicións e lembrou que a selección española de fútbol sub-17, na que tamén xogaba Teresa Abelleira, proclamouse subcampioa de Europa, perdendo na final fronte a Alemaña.

O acto concluíu coa firma de dous balóns por parte da futbolista, que serán regalados en actos benéficos.