Tere Abelleira, convocada pola Selección Española Sub-19 para a Rolda Elite que se disputará en Galicia

Pontevedra
20 de marzo 2019

A futbolista pontevedresa do Deportivo, campioa de Europa o pasado verán co equipo nacional, é unha das 24 futbolistas chamadas á concentración previa ao torneo internacional que se disputará entre o 3 e o 9 de abril en Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa

Teresa Abelleira, nun partido coa Selección Española Sub-19
Teresa Abelleira, nun partido coa Selección Española Sub-19

A Selección Española Sub-19 volveu a chamar á pontevedresa Teresa Abelleira, futbolista habitual nos plans dos técnicos da Real Federación Española de Fútbol nos últimos anos.

A actual xogadora do RC Deportivo, que no verán participou na consecución do título europeo da categoría, é unha das 24 futbolistas convocadas para afrontar a Rolda Elite que terá lugar entre o 3 e o 9 de abril en Santiago de Compostela e en Vilagarcía de Arousa.

Abelleira concentrarase coa Selección Sub-19 o vindeiro luns 25 de marzo en Las Rozas para preparar a competición, clasificatoria para a fase final do Campionato de Europa que se disputará o próximo verán en Escocia.

Desas 24 xogadoras, 4 non formarán parte da lista definitiva que viaxará a Sanxenxo o domingo 31 de marzo.

España enfrontarase na Rolda Elite a Serbia, Hungría e Irlanda, con encontros que se disputarán no Estadio Verónica Boquete de Santiago de Compostela. Pola súa banda o Estadio da Lomba, en Vilagarcía, acollerá os partidos entre Hungría e Irlanda (3 de abril), Irlanda e Serbia (6 de abril) e Serbia e Hungría (9 de abril).

Ademais de Teresa Abelleira compoñen a convocatoria do equipo nacional: Nerea Nevado, Oihana Hernández (Athletic Club); Itziar Pinillos, Laia Aleixandri, Rosa Otermín, Leire Peña (Atlético de Madrid); Laia Codina, Candela Andújar, Clàudia Pina (FC Barcelona); Catalina Thomas (Collerense); María Echezarreta (Boston Breakers); Berta Pujadas, Anna Torrodá (RCD Espanyol); Eva María Navarro (Levante); Silvia Rubio (Madrid CFF); María Méndez (Oviedo Moderno); Rosa Márquez (Real Betis); Nerea Eizaguirre, Carla Bautista (Real Sociedad); Athenea del Castillo (CDE Racing); Olga Carmona (Sevilla); Enith Salon (Valencia Féminas); Enith Salon (Villarreal).