Teresa Abelleira pon rumbo ao Europeo Sub-19 coa Selección Española

Pontevedra
06 de abril 2018

O combinado nacional, coa pontevedresa titular nun dos dous encontros da Rolda Elite, logrou o seu billete para o Campionato de Europa que se disputará o próximo mes de xullo en Suíza

Teresa Abelleira, no centro co número 16, na Rolda Elite Sub-19 en Irlanda
Teresa Abelleira, no centro co número 16, na Rolda Elite Sub-19 en Irlanda

A Selección Española Sub-19 sacou o seu billete para a fase final do Campionato de Europa que se disputará o próximo mes de xullo.

Alí estará, salvo lesión ou sorpresa maiúscula, Teresa Abelleira, unha fixa nas convocatorias do combinado nacional e que estes días tamén tomou parte na Rolda Elite na que España logrou a súa clasificación.

Nesa previa, disputada en Irlanda, a futbolista pontevedresa participou no primeiro dos partidos, completando o duelo na súa totalidade na goleada por 5 goles a 0 ante Turquía.

Non tomou parte con todo no 3-0 que a Selección logrou ante a anfitrioa, a República de Irlanda, resultado que unido ao empate no outro encontro do grupo outorgou a clasificación matemática ao combinado nacional sub-19.

A fase final do Campionato de Europa da categoría, na que España defenderá título, celebrarase entre o 18 e o 30 de xullo en Suíza.