Tere Abelleira suma unha nova convocatoria internacional con España a dous meses dos Xogos Olímpicos

Pontevedra
22 de maio 2024

A centrocampista pontevedresa é unha das 24 futbolistas citadas pola seleccionadora nacional para o dobre compromiso fronte a Dinamarca clasificatorio para a Eurocopa de 2025

Tere Abelleira, no adestramento da Selección Española no campo de Burgáns, en Cambados

Poucas sorpresas na convocatoria ofrecida este mércores pola Selección Española Absoluta Feminina de fronte ao dobre compromiso que afrontará fronte a Dinamarca clasificatorio para a Eurocopa de 2025, na que volve aparecer unha vez máis Teresa Abelleira.

A centrocampista pontevedresa é unha fixa nos plans da seleecionadora Montse Tomé, e é que desde a súa chegada ao cargo só se ausentou con España por lesión.

Trátase ademais da última lista antes dos Xogos Olímpicos xa que a seguinte convocatoria, producirase xa no mes de xullo de novo para a fase de clasificación do Europeo pero tamén para a cita parisiense.

"En esta concentración tenemos el objetivo de clasificarnos para el Campeonato de Europa. Puede que en la lista de los Juegos haya jugadoras que no hayan venido, o no", avisa Tomé, aínda que todo apunta a unha continuidade que convertería a Tere Abelleira en deportista olímpica este próximo verán.

En total foron citadas esta vez 24 futbolistas para unha concentración que arrincará o vindeiro luns 27 de maio. No seu horizonte aparecen os encontros do venres 31 de maio en Vejle e o martes 4 de xuño no estadio Heliodoro Rodríguez López de Santa Cruz de Tenerife, ambos os dous fronte a Dinamarca.