Teresa Abelleira regresa á convocatoria da Selección Española Absoluta para a dobre cita fronte México e Holanda

Pontevedra
29 de marzo 2021

A centrocampista pontevedresa do Real Madrid, ausente na anterior lista do combinado nacional, volve nesta ocasión a contar coa confianza do seleccionador Jorge Vilda. Os dous partidos amigables xogaranse en Marbella o 9 e o 13 de abril

Teresa Abelleira, nun adestramento coa Selección Española Absoluta
Teresa Abelleira, nun adestramento coa Selección Española Absoluta / RFEF

Tras non estar presente na anterior convocatoria da Selección Española Absoluta, o pasado mes de febreiro, na que España pechou o seu billete para a Eurocopa de 2022, Teresa Abelleira regresa ao combinado nacional.

A centrocampista pontevedresa do Real Madrid é unha das 24 futbolistas incluídas na lista do seleccionador Jorge  Vilda para o dobre compromiso que afrontarán no mes de abril, ante as seleccións de México e Holanda.

Estes partidos, amigables, disputaranse na localidade andaluza de Marbella. O primeiro deles será ante a actual campiona europea e subcampioa mundial, Holanda, o 9 de abril (19.00 horas). Todo un desafío para a Selección.

Catro días máis tarde, o 13 de abril, o rival será México (19.00 horas).

 

Abelleira debutou coa Selección Española o pasado mes de novembro, na goleada da Roja fronte a Moldavia, na que era a súa terceira convocatoria coa Absoluta. Tras esa cita, e a pesar da súa ausencia en febreiro, o seu bo papel no Real Madrid no que é aínda o seu segundo ano na máxima categoría converteuna nunha habitual nas listas de Jorge Vilda.