O orgullo de "ter en Pontevedra unha xogadora de alto nivel" como Tere Abelleira

Pontevedra
14 de xullo 2021

A futbolista do Real Madrid foi recibida este mércores no Concello de Pontevedra polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de deportes, Tino Fernández, tras unha tempada na que debutou como internacional absoluta

Recepción municipal a Teresa Abelleira
Recepción municipal a Teresa Abelleira / Cristina Saiz

Ten só 21 anos, pero confirmouse como unha das futbolistas con máis proxección do panorama nacional. Así o demostra non só o seu salto esta tempada a un club como o Real Madrid, senón o seu debut como internacional absoluta coa Selección Española.

De vacacións na casa tras unha tempada notable no deportivo a nivel individual, Teresa Abelleira recibiu este mércores o recoñecemento do Concello de Pontevedra nunha recepción oficial co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández.

Lores trasladoulle á futbolista o orgullo "ter en Pontevedra unha xogadora de alto nivel no considerado o deporte rei".

Abelleira, que non puido realizar declaracións ao non contar con permiso do seu club, mostrouse contenta coa progresión experimentada no último ano, sentíndose honrada de pasear o nome da súa cidade ao máis alto nivel.

Acompañada da súa nai e da súa avoa, a centrocampista charlou desenfadadamente cos responsables municipais sobre o nivel do deporte feminino na cidade, con múltiples exemplos de deportistas pontevedresas que compiten na elite.