Teresa Abelleira, na prelista da Selección Española Absoluta para a Eurocopa

Pontevedra
31 de maio 2022

A futbolista pontevedresa é unha das 28 xogadoras convocadas polo seleccionador nacional, Jorge Vilda, para unha primeira fase de preparación da que sairá a lista definitiva de 23 que afrontará este verán o Campionato de Europa en Inglaterra

Teresa Abelleira, nun adestramento coa Selección Española Absoluta
Teresa Abelleira, nun adestramento coa Selección Española Absoluta / RFEF

A un paso da próxima Eurocopa está Teresa Abelleira tras a súa inclusión na prelista da Selección Española Absoluta para o torneo internacional que se disputará o próximo mes de xullo en Inglaterra (6 ao 31 de xullo).

A centrocampista pontevedresa do Real Madrid é unha das 28 futbolistas citadas polo seleccionador nacional, Jorge Vilda, a unha fase de preparación que se iniciará o próximo 12 de xuño.

De todas elas e antes do 26 de xuño, data tope da UEFA, o técnico deberá realizar cinco descartes para deixar a convocatoria final en 23 xogadoras, unha lista na que espera estar Abelleira tras participar nos últimos compromisos internacionais.

Un día antes, o 25 de xuño, España disputará un partido amigable en Huelva fronte á selección de Australia, encontro que pode ser a última oportunidade de convencer a Vilda.

"Las 28 tienen las mismas opciones de entrar. Es lo que consigan demostrar en estos quince días", avanzou o seleccionador afirmando que "será unha dura decisión".

Tras a criba a Selección Española ten previsto ademais outro encontro de preparación antes do inicio do Campionato de Europa. Será o día 30 de xuño fronte a Italia.