Tere Abelleira queda fóra da lista das 23 elixidas para a Eurocopa

Pontevedra
27 de xuño 2022

O seleccionador Jorge Vilda deu a coñecer este luns os nomes das elixidas para disputar en Inglaterra, a partir do 6 de xullo, o campionato de Europa de seleccións

Teresa Abelleira, nun adestramento coa Selección Española Absoluta
Teresa Abelleira, nun adestramento coa Selección Española Absoluta / RFEF

Non haberá representante pontevedresa na Eurocopa que comeza o 6 de xullo en Inglaterra. O seleccionador español Jorge Vilda deu a coñecer este luns as 23 elixidas para participar no campionato e entre elas non está a xogadora do Real Madrid Tere Abelleira.

A centrocampista galega si que estivo entre as 28 seleccionadas para a concentración de preparación, pero este luns o técnico confirmou os cinco nomees que quedarán sen participar no torneo, que son: Ainhoa Moraza, Nerea Eizagirre, Claudia Zornoza, Amaiur Sarriegi e Teresa Abelleira.

Con todo, as cinco xogadoras descartadas seguirán traballando co grupo ata unhas xornadas antes do inicio da Eurocopa, posto que a UEFA permite realizar substitucións de xogadoras por razóns médicas. 

Antes de dar a lista, a Selección disputou esta fin de semana un partido amigable fronte a Australia que se saldou con vitoria da Vermella por sete goles a cero. O día 30 afrontarán o último duelo de preparación e debutarán no torneo o 8 de xullo contra Finlandia no Stadium MK de Milton Keynes.