Teresa Abelleira repite convocatoria coa Selección Española á espera do seu debut

Pontevedra
13 de outubro 2020

A futbolista pontevedresa foi citada por segunda vez consecutiva pola Absoluta, de cara ao encontro de clasificación para a Eurocopa 2022 que medirá a España coa República Checa

Teresa Abelleira adestrando coa Selección Española Absoluta
Teresa Abelleira adestrando coa Selección Española Absoluta / RFEF

Por segunda vez na súa carreira Tere Abelleira foi convocada pola Selección Española de Fútbol.

A futbolista pontevedresa, que foi citada no mes de setembro por primeira vez para o partido de España ante Moldavia pero sen chegar a debutar, terá agora unha nova oportunidade para estrearse.

Nesta ocasión a centrocampista do Real Madrid foi incluída na lista de 23 futbolistas que competirán o próximo 23 de outubro (21.00 horas) no estadio sevillano da Cartuxa fronte á República Checa en encontro clasificatorio para a Eurocopa de 2022.

Trátase ademais dun duelo que "é clave e importantísimo para a clasificación para a Eurocopa", sinalou o técnico nacional, Jorge Vilda, na rolda de prensa que deste martes na que desvelou a convocatoria da Selección, e é que "o equipo que gañe este partido terá o camiño moi achandado para conseguir a primeira praza e a clasificación directa", explicou.

As xogadoras seleccionadas concentraranse en Madrid o vindeiro luns 19 de outubro, segundo informa a Real Federación Española de Fútbol.

Xunto a Abelleira, completan a lista as gardametas Lola Gallardo e Sun Quiñones; as defensoras María Alharilla, Irene Paredes, María León, Ivana Andrés, Andrea Pereira, Marta Corredera, Ainhoa Vicente e Eunate Arraiza; as centrocampistas Alexia Putellas, Patri Guijarro, Aitana Bonmatí, Amanda Sampedro e Irene Guerrero; e as dianteiras Jennifer Hermoso, Lucía García, Mariona Caldentey, Marta Cardona, Eva Navarro e Nerea Eizagirre.