O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra será escenario o vindeiro sábado 8 de xaneiro da primeira edición do Torneo Internacional de Balonmán Cidade de Pontevedra.
Sociedad Deportiva Teucro e Club Cisne Balonmán uníronse para dar forma a un torneo que, co apoio do Concello, "esperamos que dentro duns anos sexa un referente", sinalou na súa presentación o edil de Deportes, Tino Fernández.
Na súa primeira edición, e con entrada de balde para o público, a cita terá formato de triangular coa participación dun club portugués, a Associaçao Académica Sao Mamede.
Antes dos encontros e categoría sénior, haberá espazo tamén para un amigable de categoría infantil entre os dous clubs pontevedreses (16.30 horas) e outro de idade cadete (17.45 horas).
En canto ao triaungular, abrirán fogo ás 19.00 horas o Teucro e o Sao Mamede, ás 19.50 será a quenda do Cisne ante o rival luso e ás 20.45 horas pechará a programación o derbi entre Cisne e Teucro.
Trátase dun duelo de rivalidade que, aínda que amigable nesta ocasión, "atrae a todo o mundo e sempre levanta grandes expectativas" defendeu Fernández.
Pola súa banda o presidente cisneísta, Santi Picallo, acompañado do delegado teucrista Javier Domínguez, recoñeceu que este torneo "creo que nos vén moi ben a todos porque a liga xa empeza o día 15".