Capaz do mellor e do peor. Así está a ser a tempada da Sociedad Deportiva Teucro, e este sábado tocou cruz.
O conxunto pontevedrés, que viña de empatar a pasada xornada co segundo clasificado, o BM Lanzarote, necesitaba un triunfo este sábado que lle permitise seguir soñando coa remontada cara ao play-off.
Con todo os xogadores adestrados agora por Sergio Carballeira enterraron as súas opcións cunha dolorosa derrota en Ribadavia ante un dos equipos que arrincaba a xornada como pechacancelas de Primeira Nacional, o BM Ribeiro (29-24).
Os azuis iniciaron o duelo duditativos, fríos como a alerta por neve que sacudía gran parte de Galicia e sobre todo a provincia de Ourense, cun parcial local de saída de 5-1 que obrigaba o adestrador teucrista a parar o partido.
A pesar diso o Teucro reaccionou, igualando o marcador ao ecuador do primeiro tempo (6-6) e chegando a dominar por dous goles (10-12), aínda que o marcador ao descanso reflectía unha vantaxe visitante pola mínima (11-12).
O difícil estaba feito, levantarse do mal inicio, pero cando parecía que o partido empezaba a discorrer por onde querían os pontevedreses o Ribeiro agarrouse con uñas e dentes para pelexar polos puntos.
Fíxoo primeiro mantendo a igualdade e aos poucos volvendo tomar a dianteira con tres goles consecutivos (22-19) que resultaron decisivos e que xa non atoparon resposta por parte dos azuis.
De feito a ferida chegou a ser de sete tantos (29-22), maquillada con dous goles postremeiros para colocar o 29-24 final.
Duro pau para un Teucro que cae á sexta posición con 20 puntos e que ve como se lle escapa case definitivamente o tren dos primeiros postos.