A Sociedade Deportiva Teucro presentou este luns o corpo técnico que acompañará a Sergio Carballeira, director técnico deportivo e adestrador do primeiro equipo, na tempada 26/27 en Primeira Nacional.
Fíxoo nun acto celebrado nas oficinas de Lintel que tamén serviu para escenificar o inicio dunha nova etapa para a entidade azul, pois está marcada pola incorporación desta compañía como principal patrocinador do equipo.
Participaron na presentación o presidente da xestora da SD Teucro, Carlos García-Alén; o director técnico deportivo do club e adestrador, Sergio Carballeira; e como representación de Lintel Activa S.L, Carlos Diéguez.

Ademais de dar a coñecer o corpo técnico que formará parte do primeiro equipo durante a próxima tempada en Primeira Nacional, o club compartiu as principais liñas de traballo para este novo curso.
Desta maneira, Sergio Carballeira estará acompañado de Nano Martínez como segundo adestrador e preparador físico e de porteiros; Fabián González como asistente técnico; Javier Ruibal como delegado e analista; e Lara Pampillón como fisioterapeuta.
Iníciase por tanto un proxecto a medio-longo prazo que arrincou o pasado 29 de decembro coa chegada de Carballeira ao banco azul no sitio de Irene Vilaboa.
Tras disputar media tempada á fronte do equipo, o técnico terá agora a oportunidade de asentarse e construír un novo Teucro "estable, con ambición de crecemento e unha indentidad profundamente vinculada a Pontevedra".
O club agradeceu durante o acto a confianza depositada por Lintel como novo patrocinador e destacou a importancia empresarial para seguir impulsando o crecemento da entidade.
Finalizou a presentación coa correspondente foografía oficial dos adestradores que dirixirán o primeiro equipo nesta nova etapa baixo a denominación de Teucro Lintel.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.