Novos movementos na confección do plantel da Sociedad Deportiva Teucro, que anunciou unha nova fichaxe para a próxima tempada.
Trátase de Álvaro García León, pivote de 21 anos con experiencia en Liga Asobal que chega procedente do CD Agustinos Alicante.
O guadalaxareño formouse no Balonmano Guadalajara, equipo co que debutou na máxima categoría do balonmán español na tempada 22/23.
Cambiou de aires ao finalizar a 24/25 e puxo rumbo a Alicante para formar parte das filas do Agustinos, equipo que finalizou en cuarta posición a presente campaña en División de Honra Prata.
A pesar da súa xuventude, Álvaro García únese ao proxecto teucrista para achegar toda a experiencia que gañou competindo en categorías superiores.
Ademais ofrecerá ao equipo de Sergio Carballeira alternativas tanto en defensa como en ataque, así como moita presenza nos seis metros.
O alcarreño convértese así na sexta incorporación do ilusionante proxecto do club pontevedrés apenas tres días despois de que se anunciase a fichaxe de extremo dereito Dani López.
Nos últimos días tamén se fixo oficial a renovación de Iago Rivas así como as baixas de Rikki González e Sergio Blond.